José López Campo toma posesión do cargo de Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

Aínda non se coñece a conformación do gabinete co que asumirá varios asuntos do seu predecesor

Aínda non se coñece a conformación do gabinete co que asumirá varios asuntos do seu predecesor
José López Campo Foto: Concello da Estrada
Hoxe tivo lugar o acto de toma de posesión das consellerías para o goberno autonómico da actual lexislatura, presidido por Alfonso Rueda. Onte déronse a coñecer os nomes que asumirán as carteiras de goberno e a distribución das áreas orgánicas. Tal e como se viña barallando desde o discurso de investidura de Alfonso Rueda no Parlamento de Galicia, a carteira de Cultura desligouse de novo da de Educación (como xa tiña ocorrido entre 2018 e 2020) e ademais, como era intención do Presidente, dáselle máis presenza á política lingüística en principio colocando a Lingua no nome da propia carteira, a falta de máis avances da estrutura do novo goberno. Para a xestión destas competencias o presidente elixiu ao que ata agora era o alcalde da Estrada, José López Campo (A Estrada, 1974). Segundo a traxectoria achegada pola Xunta, López Campo, de profesión Directivo no sector da banca, comezou a súa traxectoria política en 2003 ao ser elixido concelleiro na Estrada e ocupar os cargos de concelleiro de Industria e Comercio e tenente de alcalde. Durante ese tempo coincidiu no consistorio con Valentín García, actual Secretario Xeral de Política Lingüística, que exerceu como responsábel do Servizo de Normalización Lingüística do concello entre os anos 1994 e 2011.Nas eleccións municipais de 2011 encabezou a candidatura do PP e foi elixido alcalde da Estrada por maioría absoluta, resultado que revalidou nas convocatorias de 2015 e 2019. Neste tempo tamén foi deputado no Parlamento de Galicia entre 2009 e 2011 e deputado provincial entre 2011 e 2015 e a partir de xullo de 2019.

O novo conselleiro de Cultura e Lingua, que tamén toma as responsabilidades de Xuventude (anteriormente compartindo carteira con Política Social) ten sobre a mesa varias cuestións abertas que veñen da lexislatura anterior do conselleiro Román Rodríguez e sobre as que tomar decisións. No que ten que ver coa área de Patrimonio está en marcha o proceso da candidatura de Ribeira Sacra para o seu recoñecemento por parte da UNESCO, é un dos temas máis recentes; ao igual que a posible adquisición, recuperación e exhibición dos frescos de Urbano Lugrís que se conservan no edificio do antigo restaurante Fornos, na coruñesa Rúa Olmos e que foron recentemente declarados BIC pola Xunta. Ofertados en pública poxa por un proceso xudicial no Xulgado do mercantil número 3 da Coruña a administración autonómica fixo sobre eles unha oferta de 35.000 euros, antes de iniciar a súa incoación como Ben de Interese Cultural e declarou a súa intención de poñelos á disposición do público. Ademais diso, nas área de xestión das industrias culturais, en concreto na audiovisual, está pendente a presentación e posta en marcha da anunciada Galicia Film Comission así como a cobertura do posto de dirección da Filmoteca de Galicia (antes CGAI) sen ocupar desde a xubilación de Guillermo Escrigas en 2019. Na area que ten que ver coas artes está por ver que ocorre co intención anunciada nalgún momento da anterior lexislatura de abrir sedes permanentes do Centro Galego de Arte Contemporánea en Vigo e Lugo.

Proxectos, achegamentos e promesas electorais
Como tarefa inminente preséntase a posta en marcha da Rede Adival de Dinamización cultural no rural, presentada recentemente polo presidente da Xunta, para desenvolverse ao longo de 2024 e desde este mesmo mes de abril coa intención de "ampliar a oferta cultural nas vilas e localidades máis pequenas, garantir que contan cunha programación regular, impulsar proxectos que axuden a dinamizar a economía da contorna e fixar poboación, ao mesmo tempo que procura promover o turismo cultural no rural galego", segundo explica o goberno. O conselleiro e o seu gabinete, aínda por coñecer, terán tamén que levar a cabo a continuación da implementación da Lei Paz Andrade para o Aproveitamento da Lingua Portuguesa e Vínculos coa Lusofonia que se aprobou no Parlamento Galego en 2014. Está por ver se baixo o novo titular das competencias tamén se pode reconducir a relación entre a Xunta e o gremio editorial de cara ás feiras internacionais do libro, na que agora as posicións están nun desencontro que leva a cada un deles a acudir polo seu lado a estas citas. Tamén está por ver se sería esta consellería a que levaría adiante unha das promesas electorais de Alfonso Rueda en campaña, que foi a da adquisición, xunto coa deputación Provincial de Pontevedra, do Teatro Cine Fraga de Vigo, para converter o edificio nun motor cultural da cidade con varias salas de proxección , locais de ensaio ou mesmo como posible sede da mencionada Galicia Film Comission.